miércoles, 29 de julio de 2026

30 de Xullo. O derribo das torres.

 En xuño de 2021, fixen unha publicación en Facebook falando da posibilidade de que a cheminea das Pontes fose Patrimonio Mundial. O que se compartiu e as mensaxes positivas, fíxome pensar que igual non estaba tan tolo e que había moita xente que miraba a cheminea como un elemento con alma como a via eu.

Catro anos despois, e ante o esgotamento do prazo para resolver o primeiro expediente de incoación de BIC, unha persoa que naquel momento non me coñecía, animoume a presentar unha alegación, que foi a única particular tanto a favor como en contra.

No resumo desa alegación titulada "Unha análise descritiva do potencial da conca mineira das Pontes como patrimonio da humanidade", feita en tres días sen intelixencia artificial, poñía o seguinte:

... a destrución da cheminea sen un proceso participativo e consensuado, como símbolo dun pobo, testemuña da súa transformación, representante da súa psicoloxía e identidade, podería deixar unha ferida colectiva difícil de cuantificar. Ademais, a non declaración da cheminea como ben de interese cultural comprometería seriamente a posibilidade dunha candidatura das Pontes a Patrimonio da Humanidade, destruíndo unha oportunidade histórica e unha alternativa para xeracións futuras."

Xa daquela o que eu polo menos pedía era un proceso sereno, cauto e transparente á altura do que nos estabamos xogando. Cando caducou o expediente, días despois, tiven unha sensación de vertigo e salto ao baleiro parecida á que estou tendo estes días.

Todo estaba en contra, fallara a Xunta de Galicia e todas as notas de prensa condenaban a cheminea á destrución.

Hoxe mesmo, 29 de xullo, cúmprense dous anos dende que decidísemos constituír a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes en resposta. O que pasou despois, está escrito. Os detalles de por que está sendo practicamente imposible salvar algo aparte da cheminea déixoos para outra ocasión.

Vou falar de como vexo eu o futuro. É imposible predicir exactamente o noso futuro, pero sí é posible acotar bastante os horizontes de posibilidades.

No primeiro futuro que vexo, cando os meus fillos ou netos, se é que os teño, me pregunten por que se derrubaron esas grandes cousas, eu vereime obrigado a responder: 
- Mira, fillo. Intentámolo, pero os costes de mantemento eran realmente inasumibles. Facía falta ese chan industrial para que se asentase toda esa industria no pobo. Grazas a iso vas ter traballo e vives nun pobo próspero e repleto de riqueza. (Se cadra tamén riqueza xerada no campo.) Ademais, tes moitos amigos cos que xogar porque os seus pais puideron volver e traballar aquí. Os que queriamos conservar equivocábamonos, menos mal que non nos fixeron caso e tiraron con todo.

No segundo futuro que vexo, cando a miña filla me pregunte, direille que algúns fixemos todo o que puidemos pero non o conseguimos. Probablemente nese futuro non vivirei nas Pontes, e direille isto á vista dun pobo na ruína, sen ningunha industria grande instalada e xa nun período de abandono máis alá da decadencia. Sen o patrimonio industrial, sen industria e sen outras alternativas.

No último futuro que vexo, que en todo caso, dentro de cada futuro pode haber varios "subfuturos" e de feito, neste futuro non me vexo dicíndollo a un fillo, igual a un sobriño ou sobriña.

Neste futuro direilles como conseguimos que se fixese un plan director que fixase cales serían os mellores futuros posibles e como se chega a eles.

Nese futuro, deseñado polos mellores en cada campo, a cheminea sería un mirador e deixarían unha torre, ou dúas, unha caldeira, ou dúas. Non o sei. A escombreira sería un paraíso natural exemplo de reconversión e poderíase acceder a acampar e observar a súa natureza. O lago seguiría na senda de hoxe, conseguindo que en 2021 sexan mais de 10000 turistas os que veñan ás Pontes, e que agosto sexa dos mellores meses, cando fai 20 anos non estaban nin os caracois. 

E sí, nese futuro as Pontes podería ser Patrimonio da Humanidade ou como mínimo estar na lista indicativa. Como están Río Tinto con outra decena de concas mineiras ás que nada lles temos que envidiar. E quen, sendo das Pontes, se ría ou se mofe, estase rindo de si mesmo e simplemente non lle está dando ao seu pobo o valor que ten nin quere ou se atreve a loitar por poñelo onde debería estar.

Sí, hai exemplos. A conca do Ruhr e a do Nord-Pas-de-Calais. Unha das centrais máis grandes do mundo cunha cheminea récord Guinness, lago, escombreira, poboados industriais. A nosa historia, en definitiva. Cremos que a nosa historia era merecedora de ser visitada e non a destruímos. Neste futuro tamén habería industria, porque asentarían as empresas que van vir, porque non dependen do chan da central, e aínda deixando cousas houbo espazo de sobra. E aínda que non, que funcionase ese plan director e o orgullo pola nosa historia e tela defendido fíxonos esquecer.

A partir de mañá, este último futuro, que xa empezamos a visualizar fai anos, será practicamente imposible.

Algúns podemos estar tranquilos, o derribo vainos doer, pero tamén nos libera de responsabilidades e de render contas ante a historia. Non me sorprendería que algúns pretendan eludir as súas responsabilidades, e incluso lles digan aos seus fillos que lideraron a loita cando estaban xustamente en contra. Este apropiamento sen vergonza da historia e das loitas alleas xa o vivín o ano pasado. 

Por último, e a pesar de todo, desexo que sexa o primeiro futuro o que se cumpra. Porque eu sí que quero o mellor para o meu pobo. E se se dá o segundo, agardo que o tempo teña curadas as feridas e os rencores e, non sendo cristián nin católico, entender que se equivocaron por ignorancia e dicir: "Señor, perdóaos, pois non saben o que fan."

No hay comentarios:

Publicar un comentario