viernes, 17 de abril de 2020
Mapa de As Pontes con base Ortofoto de 2017
Sobre os rasgos diferenciadores da economía galega e aplicación de políticas centralistas.
Durante esta cuarentena estase a falar moito sobre as normas que se están aplicando dun xeito homoxéneo en todo o territorio.
Quixera non profundizar e ir directamente á reseña, soamente deixar un artigo sobre "a aplicación das políticas deseñadas para a cidade no campo", e que me fixo recordar a uns parráfos que lera no Sempre en Galiza., precisamente.
Sirva este extracto como exemplo de como esta aplicación de políticas homoxeneizadas foron lesivas para Galicia a nivel histórico, neste caso en concreto falando da economía labrega no primeiro terzo do século XX.
----------------------------------------------------------------------------------------
¿Ten Galiza unha vida económica propria?
A esta pergunta é doado contestar afirmativamente. Pode decirse que Galiza é un país precapitalista, poboado por traballadores que viven dun mísero xornal que eles mesmos sacan da terra ou do mar; sen industrias de abondo para absorber o escedente de poboación labrega e mariñeira; cun paro forzoso e cun déficit pecuniario constante que se resolve pacificamente por meio da emigración. En fin; Galiza ten unha vida diferenciada dentro de Hespaña, cunha morfoloxía social i económica tan peculiares que, por plantear problemas minoritarios, queda sempre ao marxe da Lei xeral do Estado e das preocupacións xeraes que a loita de clases plantea no mundo capitalista.
España, en xeral, é un país de latifundios; Galiza é de minifundios. A solución do problema da terra en Hespaña está no colectivismo; en Galiza está no cooperativismo. O país que a Hespaña lle intresa, como modelo, cicais sexa Rusia. O que lle intresa a Galiza cicais sexa Dinamarca. Velaí unha proba da diferenciación galega.
O minifundismo da nosa Terra responde ao cultivo intensivo que impón a topografía do chan. Gracias a este sistema, frenado polo noso dereito consuetudinario, a agricultura galega foi o asombro de moitos viaxeiros europeos; pero a lexislación liberal e xeneralizadora do Estado —dictada para outros lugares— provocou a pulverización dos fundos galegos e o aniquilamento da nosa economía. O crime pode imputárselle ao centralismo e ao seu Código Civil. ¿De que nos valeu facer unha revolución sanguiñenta para libertarnos do despotismo feudal? Porque se os labregos xa non son escravos do home, son escravos da terra que traballan.
O lexislador liberal da Hespaña unitaria somentes se preocupou dos problemas pavorosos do latifundismo castelán, andaluz i estremeño, e coidando que o minifundismo galego era unha garantía de orde e benestar, promulgou leis que favorecen a división da propriedade, abolindo, de paso, o noso dereito particular. Resultou que quedaron en pé os problemas que trataba de resolver, porque, en troques, derrubou a economía labrega de Galiza, que somentes podía conservarse pola indivisibilidade dos patrimonios familiares. Velaí como as disposicións contra o latifundismo crearon problemas en Galiza sen resolver os que xa eisistían alí con anterioridade, pois hoxe necesitamos unha Lei que favoreza a concentración parcelaria; é decir, unha Lei contraria á que rixe no resto da Hespaña.
Cómpre decir que os lexisladores e gobernantes da República tampouco abriron os ollos á realidade. Velaí temos, sen comprir, o artigo 47 da Constitución. Velaí temos a Lei de Reforma Agraria, absolutamente inaplicable na nosa Terra. E velaí quedaron, a sangrar, os problemas vitaes de Galiza, agravados pola lexislación única, e sen posible solución dentro do Estado centralista.
...
Sempre en Galiza, I, VI. Alfonso D. Rodríguez Castelao.
jueves, 9 de abril de 2020
domingo, 3 de julio de 2016
Sobre Participación Social.
Con este escrito
pretendo ofrecer unha pequena aproximación ó concepto de
Participación Social. Non tiña pensado facelo ata dentro de varios
meses e como prólogo ó estudio que estou desenvolvendo sobre dita
participación na xestión dos recursos hídricos en Galicia.
Se
cadra é precipitado escribilo agora, e non será mais que un breve
resumen, un pequeno marco teórico, as
coordenadas nas que se movemos hoxe en día, xa que me parece que hai
certa confusión, tanto nos políticos como na xente. Moito interés,
aparecendo de forma habitual nos programas dos partidos políticos.
Ofrecer Participación “está de moda” pero non vín moitas
iniciativas buscando a forma real de aplicación, polo menos en
Galicia. Esa é a miña percepción e debe ser patolóxico dos
estudos de enxeñería, gústame partir das definicións, e teño que
admitir, que resulta para min moi estimulante o estudio de algo tan
complexo, tan simbólico é a vez tan útil como é o concepto de
participación (social). Falarei sempre, dado que este é o meu
blogue e este artigo non ten carácter científico, de participación
social e non de participación cidadán, xa que está última é unha
palabra que non me gusta, pero iso será motivo doutra reflexión.
Cidadanía, outra palabra de moda.
![]() |
| Participación implica beneficio social |
Según o diccionario
Participación significa “tomar parte de algo”. É sinxelo mais é
unha definición incompleta cando lle engadimos o apelido social, e
leva en demasiadas ocasións a facer crer que o feito de levantar a
man para decir o que che apeteza xa é participar, xa é
participación. É un concepto incompleto e moitas veces equivocado.
Poderíamos definir
a Participación Social como “un proceso de aprendizaxe e
desenvolvemento persoal e colectivo, que busca transformar as
relacións, as respostas, as accións, etc. Dando espazo e voz a
todas as persoas para que exerzan a súa responsabilidade e
capacidade de influencia para xerar valor público." (Libro
Blanco da Democracia e Participación Cidadán para Euskadi)
A participación
é actitude. Para que sexa posible é necesaria unha actitude
positiva na xente que participa, unha actitude de "escoita
empática" e de respeto hacia o outro que fala e que escoita.
Ademais, tamén se
mostra que a participación é un dereito. Non teño claro que
sexa unha obligación, mais sí que é un dereito que todas debemos
reclamar. Este ano escoitei a moitos políticos, os que moitas veces
podo decir que tiñan a vontade de corazón de ofrecer participación,
decir que eles intentabano pero
A participación
é un proceso, un proceso educativo que comeza na infancia e do
que ainda queda moito por camiñar. Un proceso difícil que implica
un cambio social profundo, tanto no comportamento da xente como nas
formas de facer política. É require de xente que sexa coñecedora
dos conceptos e de como levalos a cabo. Deixovos un
artigo que me pareceu moi interesante que fala sobre esta idea.
No ano 1969,
escribiuse un artigo fundamental no afondamento do concepto.
Ladder of Citizen Participation
de Sherry R Arnstein no
que se describen os diferentes grados. A saber:
1.
Manipulación. Unha
forma ilusoria de participación, que significa a súa distorsión
para convertila nun instrumento de relacións públicas das
autoridades.
2. Terapia. Unha forma engañosa, na que os que administran este proceso pretendidamente participatorio conducen a formas de "terapia grupal" ás persoas participantes, polo xeral pertencentes os sectores mais desfavorecidos e marxinados da sociedade. Nese entorno permitese que as persoas se desafoguen nunha sorte de catarse das súas frustacións e intentase educalos ou curalos.
3. Información. Si ben informar á xente dos seus dereitos, responsabilidades e opcións pode ser un primeiro paso importante para unha lexítima participación, é frecuente que o proceso se reduza a iso. En tal caso establecese unha canle unidireccional pola cal flue a información das autoridades á xente, sin unha canle de réplica e suxestións, sen poder ningún de negociación.
4. Consulta. Crease un espazo para convidar os cidadáns a expresar as súas opinións pero, se non se combina con outros modos de participación, non se ofrece ningunha seguridade de que as súas preocupacións e ideas serán tidas en conta, polo que sigue sendo, según a autora, un rito superficial, de pura apariencia.
5. Conciliación. Neste nivel comezase a entregar algún nivel de influencia, mais en boa medida pervive a lóxica da participación simbólica dos cidadáns. Ocorre cando se crean comités, comisións ou consellos asesores nos que as autoridades colocan algúns escollidos de grupos sociais minoritarios ou contestatarios, ainda que non son "representantes" nin están lexitimados ante o grupo do que proceden.
6. Colaboración. Tratase dun momento no que o poder é redistribuido a partir dunha negociación entre a xente e as autoridades, as reglas que se acordan non poden ser modificadas de forma unilateral. Sin embargo, o poder da decisión final, polo menos formalmente, sigue estando nas autoridades e organos representativos. En calqueira caso, se existen organizacións sociais, que contan con recursos, e que poden contratar expertos para que os asesoren, está participación pode ser mais efectiva.
7. Poder delegado. Neste nivel, as negociacións coas autoridades levan a que a xente logre un predominio no proceso de toma de decisións sobre un programa ou plan. Deste xeito, obteñen a suficiente capacidade para garantizar que dito plan ou programa salga adiante, e decir, sexa adoptado e implementado. Se existen diferencias entre a xente e as autoridades, a resolucións negociada do problema debe ser iniciada polos últimos. Outro poder delegado consiste no traballo por separado e en paralelo de grupos de xente e os organismos da administración, pero asegurando un poder de veto a xente se existen diferencias de opinións que non podan ser resoltas nunha negociación.
8. Control cidadán. A este nivel, os cidadáns contan có poder ou control, así como os recursos e instrumentos de xestión, necesarios para garantir que eles, como participantes, poidan gobernar un programa ou unha institucións concreta. Están o cargo, por completo, da política e da xestión do programa ou institución, e teñen o poder de negociar as condicións nas que se fan os cambios.
Convidovos a
reflexión, e que pensedes nalgún exemplo da vida diaria, e que
tratedes de encaixalos nos diferentes niveis. Aquí vai algunha
reflexión miña:
- Como exemplo de manipulación, fai pouco vin nun libro de primaria de Coñecemento do Medio as etapas da vida. Chamoume moito á atención que a “etapa ancián” comezase os 67 anos. E por que non os 68, ou os 73? Alguén tivo oportunidade de decidir a que idade comeza esa idade? A resposta é evidente.
- A transparencia vai ligada o nivel 3, de información. É a forma de participación punto cero, é unha obligacion e un dereito, non unha decisión. E existe un amplo marco legal que ampara a transparencia, non é unha elección.
- As Asembleas son ferramentas que permiten acadar o último nivel, son ferramentas de autoxestión. E levan implícitas unha serie de cuestións para que sexan verdadeiros elementos democráticos. Chamáselle Asemblea a calqueira cousa, pero é unha palabra moi bonita como para ser prostituida. Debe existir unha rotación e unha clara división de poderes. Para isto invitovos a bucear na páxina do Instituto de Facilitación e Cambio.
- A convocatoria debe facerse con tempo suficiente para facilitar os procesos participativos no deseño da Asemblea. O diseño e a preparación da Orde do Día debería ser participativo, calqueira persoa debería poder incluir puntos, xa sexa no guión principal ou en forma de Rogos. E no caso de que non sexa posible por motivos de tempo, deberían poderse sometar a votación os puntos prioritarios. Así o debería ser tamén a data e o lugar.
- Como lectura sobre autoxestión, "O Goberno dos Bens Comúns" de Elinor Ostrom.
Sen moito mais, agardo que escribir isto teña algunha utilidade. E espero opinións de volta. Recordade, lectura empática e respeto, por outra banda.
Ata outra.
domingo, 15 de mayo de 2016
Historía do 15M en primeira persoa
Van 5 anos exactos
do 15 de Maio de 2011. Decidinme a escribir isto, para ofrecer o meu
testemuña sobre o 15M,
na Coruña. Vaia por diante que non pretendo facer un xuízo de valor
sobre aquelas accións nin as posteriores, aínda que, como é
evidente, é unha historia totalmente subxectiva e baseada nos feitos
e sentimentos que eu vivín.
Todo comezou arredor
de abril daquel ano. Con 22 anos e en plena efervescencia das miñas
inquietudes sociais. Comezaba unha etapa de “toma de conciencia”
e de re-evolución do meu pensamento político. Había moitas cousas
que non entendía (moitas delas aínda non as entendo) e buscaba
respostas ( e aínda sigo buscando).
Recordo atopar unha
iniciativa, “Plataforma
15 de Mayo –Democracia Real Ya” e sentirme atraido polas
ideas “apartidistas” do seu manifesto.
Por aquel entón, acababa de nacer a AsociaciónXuvenil
Kontrashte polo que decidín contactar para pedir a adhesión a
ese manifesto da Asociación Pontesa.
Un 19 de abril,
escribimos este email:
Ola
compañeiros:Somos unha asociación xuvenil dun pobo chamado As Pontes, en Galicia. Levamos xa tempo contrariados por como está o mundo, como a xuventude é ignorada e maltratada pola clase política e o mesmo tempo preguntándonos que accións poderiamos levar a cabo. Encantaríanos colaborar con vos en todo o que poidamos e cremos na vosa causa.
Deixámosvos o noso blogue para que botedes unha ollada.
http://kontrashte.wordpress.com/
Moitas gracias pola vosa atención e polos vosos esforzos.
Entre todos poderemos conseguilo.
Recibimos a
aceptación para á adhesión e citáronnos para unha reunión na
Coruña o 11 de Maio. Alá fomos, Dani Vila mais eu, a aquela
reunión, sen previa experiencia na organización deste tipo de
actividades. Recordo a miña ilusión, esperaba atoparme cun debate
filosófico, sobre cales son as raíces das ideas que se defenden.
Mais ideas, profundizar en como se fundamenta tal acción. Non foi
así, era unha reunión operativa e loxística para preparar o
evento. Naquel momento sentinme algo decepcionado, hoxe comprendo que
non podía ser
doutra forma, dada a proximidade do evento e sendo
consciente do difícil que foi organizalo.
Mais aínda sigo
tendo ese dilema, de se é posible chegar á praxe , xa como primeiro
paso para chegar o nivel teórico, senón prescindindo deste último
nivel totalmente. Da teoría á praxe? Da praxe á teoría? Praxe sen
teoría ou teoría sen praxe?
Nesa reunión,
recordo que se propuxo unha “treboada de ideas” sobre os slogans
que se ían a berrar.
Alguén dixo:
“Galiza Ceive, poder popular” para, acto seguido, dicir “No,
paso”.
Este feito que
podería parecer anecdótico, paréceme moi significativo posto que
demostra, xa na orixe do movemento, a tensión que estamos vivindo
entre os diferentes actores que conforman as confluencias.
O venres, quedamos
para repartir as panfletos. Lembro que ese día, Dani Vila, eu e mais
outro compañeiro, íamos ver a Luar
na Lubre no teatro Colón. Quedamos antes no Obelisco. Cargados
cunha pila de carteis, o lema era “Todos á Rúa”. Deixámosllos
e fomos ver o concerto. Camiñamos por alí, a repartilos na cola. É
probable que haxa algunha persoa que este lendo isto recibise algún
e que incluso aínda o conserve. Recordo falar sobre tiralos todos en
plan “choiva” o
rematar o concerto, como idea tola, que
evidentemente non o fixemos por simple respecto a Luar na Lubre.
O sábado funme ás
Pontes facer difusión do evento e comentarllo á xente de
Kontrashte. Non me debín explicar moi ben xa que non acudiu ninguén.
Chegou o Domingo, de
novo Dani Vila mais eu. Camiñabamos cara ó Obelisco, lugar no que
se quedaba. Dúas rapaciños de 20 e 22 anos. Eu tiña moitas
dúbidas, e aínda que me coste recoñecelo, certo medo. Medo a que
non houbese ninguén, medo a estar só.
E o chegar, non
dabamos crédito. Había moita xente. O resto do que pasou ese día,
xa é historia. Durante a manifestación sucederon varias anécdotas.
Recordo que a xente se queixaba de que os medios non prestaban
atención nos días previos, pero o dar a volta pola calle Real,
había un muro de fotógrafos e cámaras que aínda hoxe non sei de
onde saíron. Aínda hoxe sigo intentando entender como foi posible
aquel acto de "xeración espontánea. Como tanta xente se reuniu
de forma simultanea en varios puntos do Estado?
Polo camiño,
cruzámonos cunha familia con pequenos. Ante a consiña de "PSOE,
PP a mesma merda é." O páter, berrou algo tal que así:
"El BNG no es
mejor"
Alguén da onda
contestou:
"Esperemos que
os pequenos teñan traballo no futuro"
Hoxe entendo algo
mellor o que alí pasou e sería interesante saber se os pequenos,
entendo que xa nas medras, teñen traballo ou non. Dalgún xeito,
identificábase o movemento co nacionalismo, seica a única
alternativa que había por aquel entón era o BNG. Mais aquel
movemento tiña pouco de nacionalista. Algúns fixeron mais adiante
unha boa lectura deste concepto.
Chegamos á praza de
Maria Pita, onde se leu o manifesto. O ser en castelán, alguén
entre a manifestación berrou: “Na Galiza en galego!”. Outra mais
das anécdotas, que identifican a causa subxacente das tensións de
hoxe en día: dentro do movemento hai persoas que non son
nacionalistas e que non priorizan causas como o idioma, e outras que
sí. E non pretendo xuzgar, pero é un feito constatado. Isto é unha
simple descripción.
Leuse o manifesto,
despedímonos e puido parecer que rematara aí o conto. Pero non...
Días despois, unha
compañeira, a cal, mais alá da posible diferencia de ideas, sigo
respectandoa moito aínda que xa perdín o contacto, chamoume para
participar nunha acampada, eu ó principio non entendía nada e
borreime simplemente porque estaba en plena época de exames. Sí, a
revolución faise lendo e estudando. Fun consciente do que estaba
pasando ó ver na tele todas as persoas nas prazas, as acampadas e
pensar: “Mimá, a que se liou”
Antes de visitar á
acampada da Coruña e cando o movemento xa era histórico, alguén me
dixo: Quedaches con DRY e non avisaches?. Impotencia e tristeza. Eu difundino o mellor que
puiden, tratei de que viñese moita xente, é mais, necesitaba que
outra xente viñese. Hoxe vexo isto como unha lección, do fácil que
é unirse a unha gran marea, de ser ovella, ou de ser pastor cando xa
están alindadas as ovellas, e do difícil que é comezala.
O último feito
significativo que vou relatar sobre ese movemento. Ocorreu na miña
primeira e única visita á acampada da Coruña. Cando cheguei alí,
pensei:
"Manda
carallo, como se chegou a mobilizar a xente?. Cales foron as bases
para que se conseguise isto?"
Había unha
biblioteca, collín un libro e funme sentar os bancos que había alí.
Foi nese instante cando lín algo así:
“Terán
prioridade nos asentos as persoas das comisións”
Non daba creto,
Comisión? Prioridade nun banco público? Naquel momento sentín desacougo e de novo impotencia. E recordei o libro
“Rebelión na Granxa” e a frase de Napoleón:
“Hai dous tipos
de persoas, as que fan a revolución e as que se aproveitan dela”
Ou na miña propia
versión galega:
"Os que
alindan as vacas e os que lles beben ó leite"
Supoño que isto que
estou decindo non lle gustará a moita xente, se cadra o están lendo
persoas que conformaban as Comisións e incluso a persoa que escribiu
aquel cartel. Se cadra as persoas das Comisión formaban parte do
movemento dente o comezo, eu non coñecía a todo o mundo... Iso non
é excusa!
Hoxe, cinco anos
despois, boto a vista atrás e tomo consciencia da miña evolución.
Miro o redor, os movementos que naceron aquel día e non fago mais
que preguntarme para que serviu. Foi como o primeiro soplo de vento
que hoxe deu lugar o que chaman unha gran marea. Non sei se é
casualidade que hoxe haxa Asemblea. Non fun. Igual alguén me pode
dicir se os asentos seguen estando reservados para á xente das
Comisións.
Oxala que nos
deixemos de tensións e de caralladas e a humanidade consiga acadar
un equilibrio sostible coa Terra.
Suscribirse a:
Comentarios (Atom)









