viernes, 17 de abril de 2020

Mapa de As Pontes con base Ortofoto de 2017

Mapa do Municipio dás Pontes. Vista xeral de Ortofoto de 2017 e noméclator xeográfico básico do Instituto Xeográfico Nacional.



Sobre os rasgos diferenciadores da economía galega e aplicación de políticas centralistas.

Durante esta cuarentena estase a falar moito sobre as normas que se están aplicando dun xeito homoxéneo en todo o territorio. 

Quixera non profundizar e ir directamente á reseña, soamente deixar un artigo sobre "a aplicación das políticas deseñadas para a cidade no campo", e que me fixo recordar a uns parráfos que lera no Sempre en Galiza., precisamente.

Sirva este extracto como exemplo de como esta aplicación de políticas homoxeneizadas foron lesivas para Galicia a nivel histórico, neste caso en concreto falando da economía labrega no primeiro terzo do século XX.


 ----------------------------------------------------------------------------------------

¿Ten Galiza unha vida económica propria?

A esta pergunta é doado contestar afirmativamente. Pode decirse que Galiza é un país precapitalista, poboado por traballadores que viven dun mísero xornal que eles mesmos sacan da terra ou do mar; sen industrias de abondo para absorber o escedente de poboación labrega e mariñeira; cun paro forzoso e cun déficit pecuniario constante que se resolve pacificamente por meio da emigración. En fin; Galiza ten unha vida diferenciada dentro de Hespaña, cunha morfoloxía social i económica tan peculiares que, por plantear problemas minoritarios, queda sempre ao marxe da Lei xeral do Estado e das preocupacións xeraes que a loita de clases plantea no mundo capitalista.

España, en xeral, é un país de latifundios; Galiza é de minifundios. A solución do problema da terra en Hespaña está no colectivismo; en Galiza está no cooperativismo. O país que a Hespaña lle intresa, como modelo, cicais sexa Rusia. O que lle intresa a Galiza cicais sexa Dinamarca. Velaí unha proba da diferenciación galega.

O minifundismo da nosa Terra responde ao cultivo intensivo que impón a topografía do chan. Gracias a este sistema, frenado polo noso dereito consuetudinario, a agricultura galega foi o asombro de moitos viaxeiros europeos; pero a lexislación liberal e xeneralizadora do Estado —dictada para outros lugares— provocou a pulverización dos fundos galegos e o aniquilamento da nosa economía. O crime pode imputárselle ao centralismo e ao seu Código Civil. ¿De que nos valeu facer unha revolución sanguiñenta para libertarnos do despotismo feudal? Porque se os labregos xa non son escravos do home, son escravos da terra que traballan.

O lexislador liberal da Hespaña unitaria somentes se preocupou dos problemas pavorosos do latifundismo castelán, andaluz i estremeño, e coidando que o minifundismo galego era unha garantía de orde e benestar, promulgou leis que favorecen a división da propriedade, abolindo, de paso, o noso dereito particular. Resultou que quedaron en pé os problemas que trataba de resolver, porque, en troques, derrubou a economía labrega de Galiza, que somentes podía conservarse pola indivisibilidade dos patrimonios familiares. Velaí como as disposicións contra o latifundismo crearon problemas en Galiza sen resolver os que xa eisistían alí con anterioridade, pois hoxe necesitamos unha Lei que favoreza a concentración parcelaria; é decir, unha Lei contraria á que rixe no resto da Hespaña.

Cómpre decir que os lexisladores e gobernantes da República tampouco abriron os ollos á realidade. Velaí temos, sen comprir, o artigo 47 da Constitución. Velaí temos a Lei de Reforma Agraria, absolutamente inaplicable na nosa Terra. E velaí quedaron, a sangrar, os problemas vitaes de Galiza, agravados pola lexislación única, e sen posible solución dentro do Estado centralista.

...



Sempre en Galiza, I, VI. Alfonso D. Rodríguez Castelao.